Sunday 28 de April de 2024

Dúas rapazas emprendedoras de Muxía, participantes no proxecto audiovisual da Deputación da Coruña ‘O rural de todas’


Rocío Louzán e Sandra Paz amosáronse ‘tremendamente ledas por ter a honra de ser dúas das protagonistas deste tan especial proxecto’.
Dúas rapazas emprendedoras de Muxía, Rocío Louzán Sambad e Sandra Paz Lema, foron partícipes e protagonistas do fragmento rodado en Muxía do proxecto audiovisual ‘O rural de todas’, impulsado pola Deputación Provincial da Coruña. Ambas amosáronse ‘tremendamente ledas por ter a honra de ser dúas das protagonistas deste tan especial proxecto’, sinalaron.
O propósito deste documental é amosar a historia da vida das mulleres do rural, e particularmente do rural muxián, sendo un proxecto interxeracional e colaborativo. Rocío é a propietaria dunha empresa de maquinaria agrícola, que adica toda a súa actividade no rural de Muxía. ‘Traballo onde nacín e me criei, para min é algo normal pero resulta interesante que se traballe en proxectos como ‘O rural de todas’. Significa moito na carreira na busca da igualdade e participaría noutros tantos de volver ter a oportunidade’, afirma a nosa primeira protagonista, cuxa peza foi gravada polo mercadillo de Muxía, e que tivo remate no muelle.
Pola súa banda, Sandra Paz ten varias casas rehabilitadas para o Turismo Rural e unha granxa de cría porcina, adicando a súa vida laboral a estes dous fins. Antes desempeñaba as tarefas de conductora dun autobús escolar. Para ela, esta experiencia resultou ‘moi emotiva e fundamental, xa que considero fundamental rachar cos estereotipos de xénero desde a infancia, algo no que creo que as institucións como o Concello de Muxía e a Deputación da Coruña están volcados’, afirmaba. ‘Eu desde aquí animo a todas as mulleres a facer todo o que se propoñan e cumplir as súas metas. Con vontade, todo se consegue’, finalizaba.
Ambas quixeron agradecer ‘á organización o inmellorable trato, facéndonos sentir moi cómodas en todo momento e facendo que se nos esquecesen os nervios., así como ao Concello de Muxía. Resulta complicado ser natural con tres cámaras gravando, pero a confianza que transmitía todo o equipo fixo que ao final, ao noso parecer, obtiveramos un estupendo resultado’, finalizaban Rocío e Sandra.